Os meus pequenos textos feitos desde un territorio tan partillado que resiste ás topografías, como se non existira nos mapas, paisiño de minifundios que desaparecen coas escalas. Eses lugares refugallos que están porque se viven, porque os vivimos, e rexeitan as simples cartografías. Por iso prefero traducir a cuestión de to be or not to be como estar ou non estar. Por iso este sitio non ten mapa, porque non hai unha ruta senón momentos e deses momentos saen palabras.







Mostrar mensagens com a etiqueta Xeografía elemental. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xeografía elemental. Mostrar todas as mensagens

domingo, 9 de outubro de 2011

en defensa da literatura de quiosco

Para empezar, porque no quiosco fíxenme con libros de Cernuda, de Yourcenar, de Cortázar, ata algún de Bukowsky. Para seguir, proque nas librerías caras tamén as editoriais prestixiosas editan bodrios que se venden en palets. Para continuar, porque cando leo a Mortadelo decindo "tengo barruntos de que esto no va a salir bien, jefe", véñenseme á mente os barruntos de Sancho, e porque a Cervantes léronno nas tascas, non esquezamos nunca iso, porque foi prolífico e rexistrou vocablos da rúa e situacións cotiáns como Ibáñez, porque no quiosco, como lugar metafórico da cultura en minúscula e sen engolamento, no quiosco todas e todos soñamos a diario. Porque o quiosco está accesible a todas, por eso eu este ano escribo poemas de quiosco que as nenas entenden. E dicen que bonito! e sen grandes alturas. Gústame escribir poesía de quiosco, ou quizá só sexa quen de escribir como para un quiosco pequeno.

domingo, 25 de setembro de 2011

O val e a montaña (versos para unha bandeira)

Se teño fame de vento,
onde a montaña no presente? Onde o pulmón a ceo aberto?
Alí onde o ollo soña futuros nos cumios que se afastan no ar
as preguntas zoan no vento que fire os ouvidos
e todo está aberto como a luz primeira
todo inconcluso e amplo como un lume que prende
as fronteiras son tan humanas e tan nimias que resultan ridículas,
febles ante o vento que non as respecta.
Alí onde a terra é mais grande que a xente,
onde os ollos saben que non teñen que mirar,
senón decirlle ao corazón que mire.

Se teño fame de vento teño medo da calma
tinxida de espera cega. Cómprenos ser pluma ás veces.
Nutrirse do movemento.



Se teño medo do vento, teño fame de calma
de que non vaia cambiar moito a paisaxe hoxe ou mañán
de que se nos repitan os pataos como metáfora da vida traballosa e reiterada
como unha escada ao ceo horizontal e ubicua,
esa paisaxe de chanzos de xigante que remontan a calma cara o vento.
A ribeira é un castiñeiro que atravesa mudo o tempo
son moitos castiñeiros, é un fractal de castiñeiros que elevan as trabes coma se fosen raíces
son as raíces desta terra expostas á vista de todos
porque saben que na calma
o tempo decorre coma se fora lava, deixando pegadas que non ha repetirse
e non han borrarse,
porque saben que o decorrer do tempo é unha escada horizontal que non leva a ningures,
unha escada que a calma conserva,
unha escada que pousa no chan e é sempre outra e a mesma.
E cada setembro uvas eternas penduran de viñas que se suceden infinitas
no espazo e no tempo da ribeira.
Teño medo quizais de que o vento esborralle as paredes
e borre as pegadas do tempo escritas nas pedras.
Teño medo do vento no inverno cando a ribeira acalma o frío e acubilla.
Ese tempo detido do inverno, o tempo das raíces.
Ese tempo detido do verán, cando a froita madura
Ese tempo que trae a vendima.

quarta-feira, 13 de abril de 2011

tarefas

Esfollar o millo, munguir a cabra, trasegar o viño, mondar os terreos, apañar mazás para os porcos, rascarse, respirar, parase algo máis de media hora no cruceiro, porque onte escapou o burro e deulle un susto ao Caetano, debullar o millo, separar a semente da leituga do caldo, escoller castañas pisadas, regalar as pavías que están apodrecendo, quitarse unha espiña, ennovelar unha madeixa, peneirar a fariña, procurar pitelos para o sequeiro, atar chourizos, podar, engavelar, angazar, facer a chapita, ir á rebusca das castañas, mondar o cebolo, rapar as ovellas, sachar as patacas, buscar paus para os tomates, poñer as noces ao sol, cortar as pezuñas do burro, atender o lume do sequeiro, cortar monte, gardar as noces que empeza a chover, apañar berzas, apañar landras, apañar nabos, apañar leitugas dos lameiros, apañar unha boa, por saír sen paraugas, ripar unha pouca herba do palleiro, lavar a lá, carmeala, fiala, torcela, ir pedir permiso para queimar garamata, gardar as vacas, escoitar o conto do burro por enésima vez, procurar uns lareiros ben xeitosos para afumar os chourizos, amañar un lameiro todo fozado do xabarín, enrestrar as cebolas, cambiarlle o fío á desbrozadora, secar herbaluisa, e ourego, e albahaca, e xastreu, ir á feira, procurar liques para facer tinte, limpar a fonte para a festa do quince, ir a un enterro en Parada, mazar o leite, amasar o pan, prender a cociña, apañar nabizas para o caldo, esperar ás do saneamento, facer unha bica para a vendima, e unhas rosquillas para a matanza, carabuñar a gadaña, gardar semente deses tomates tan bós (millor na forza da lúa), desgrumar patacas (no debalo da lúa), xuntar a coella co macho, ir aos boletos, zurcir uns sacos rotos, cocer o pan e se cadra arrimarlle unha empanada, quecer o iogur ao sol, debullar chícharos, preparar unha pelica, amañar as estacas das cepas, apañar moras, catar os escarabellos das patacas, revolver a herba a mau, falar de cómo se facían os barquillos, xogar aos bolos, enxertar unha cerdeira, amañar un canastrelo, facer uns calcetíns, untar de graxa os apetrechos do burro, planchar, chamar ao 1004, facer un crucigrama, cortar as unllas, fregar a cociña económica ata que branquee, atender todos os requerimentos da Axencia Tributaria, prantar coias para o ano, mirar o correo electrónico, vender as noces, retirar a roupa que lles quedou pequena aos cativos, averiguar por qué non funciona o módem, fregar os catro pratos da cea, cortar o pelo, tomar un café, empastar unha moa, levar aos nenos ao parque, ir facer unha análise, baixar películas, apuntarse a un curso de piragüismo, ir á reunión da comunidade, botar a partida, formatear o disco duro, facer unha hora de natación, broncearse, ver a semifinal, coller un atasco, coller o pan, comprar froita, renovar o abono para o ano que ven, pasar por un caixeiro, organizar as vacacións, levar aos nenos a un cumpreanos, facer a compra do mes, mirar a roupa de temporada, mercar un agasallo, facer copia das chaves, depilarse, xuntar códigos de barras, contestar unha enquisa, facer cola no hipermercado, comprarse por fin o GPS (a primeiros de mes), ordear as películas, propoñerse escoitar toda a música que levamos baixada, tragarse unha hora de tele da peor, buscar billetes baratos en Internet, probar aínda que sexa un só de todos os iogures que van inventando, subirlle o baixo a un pantalón, preparar unha cea en dez minutos, dinamizar un foro en Internet, renovar o carnet de conducir, enmarcar unha foto, tapizar de novo os sofás, ir tirar o papel,comprar un cupón da ONCE (a finais de mes), xogar a rol, sacar unha copia do curriculum, recoller unhas fotos, sacar tempo para ler a diario o xornal, levar o coche a limpar, ir ver unha exposición, matricularse nun master on line, volver mirar o dos billetes, rendabilizar os aforros, cambiar o colchón, ir á cea do choio, mercar uns zapatos para unha voda, pasar pola biblioteca, probar a sauna, o Tai Chi, o ioga e os pilates, e decidirse por un libro-DVD que o resume todo, ir a unha cea nun tailandés, facer as compras de Nadal, vender lotería da Asociación, coser a toda présa uns disfraces de piratas, cambiarlle o aceite ao coche, copiar catro CDs de fotos e dez de películas, comprarse unhas botas boas para empezar dunha vez a facer sendeirismo, cada quen xoga ao que quere xogar.

quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

Preguntas sobre a propiedade intelectual

Poderiamos comprar unha ducia de churros en calquera feira ao prezo que os compramos se os churros estuveran patentados?
Poderiamos ter unha churreira na casa e facelos cando nos dea a gana, especialmente se chove?
Houberan pagado as ventas castellanas do século XV dereitos de autor a Cervantes por ler a súa novela cantas veces lles deu a gana para solaz da clientela?
Houbera chegado ata nós a primeira novela moderna se estuvera ao alcance só de quen puidera pagar o exemplar daquelas?
E se Avellaneda tuvera mellores contactos editoriais que o manco, mellor planta, mais labia ou o que fora, ou digamos houbese asinado coa Sony e non cunha compañía independente, a cousa se houbera resolto dunha maneira? Conseguiría unha lei Sinde do século XV evitar o morro do Avellaneda?
Tería o século de ouro da literatura en castellano chegado ao que chegou cunha SGAE polo medio evitando a toda costa que se difundan gratis as diversións?
É verosímil pensar no século XXI, incluso coa crise de por medio, que os artistas vaian morrer de fame porque nos descarguemos o que nos dea a gana?.
Cobrou Lope polo soneto de Violante? Díxolle a Violante, mira, escrébocho en calquera sitio pero é tanto? E se non cobrou, saiulle rendíbel? Fixo o pinzo Lope por escribir o soneto sen a presenza do seu avogado?
Houbera preferido Quevedo que ninguén repetise xamais o Érase un hombre a una nariz pegado, ou lle molaba escoitalo pola rúa en calquera sitio?
Precisamos unas industrias culturais que preescollan o que paga a pena ler, ver, escoitar?. E se é así, porqué non escoitamos os cuarenta e por qué as pelis que nos apetece ver nunca veñen ás salas espantosas dos centros comerciais?