Os meus pequenos textos feitos desde un territorio tan partillado que resiste ás topografías, como se non existira nos mapas, paisiño de minifundios que desaparecen coas escalas. Eses lugares refugallos que están porque se viven, porque os vivimos, e rexeitan as simples cartografías. Por iso prefero traducir a cuestión de to be or not to be como estar ou non estar. Por iso este sitio non ten mapa, porque non hai unha ruta senón momentos e deses momentos saen palabras.







quarta-feira, 13 de abril de 2011

tarefas

Esfollar o millo, munguir a cabra, trasegar o viño, mondar os terreos, apañar mazás para os porcos, rascarse, respirar, parase algo máis de media hora no cruceiro, porque onte escapou o burro e deulle un susto ao Caetano, debullar o millo, separar a semente da leituga do caldo, escoller castañas pisadas, regalar as pavías que están apodrecendo, quitarse unha espiña, ennovelar unha madeixa, peneirar a fariña, procurar pitelos para o sequeiro, atar chourizos, podar, engavelar, angazar, facer a chapita, ir á rebusca das castañas, mondar o cebolo, rapar as ovellas, sachar as patacas, buscar paus para os tomates, poñer as noces ao sol, cortar as pezuñas do burro, atender o lume do sequeiro, cortar monte, gardar as noces que empeza a chover, apañar berzas, apañar landras, apañar nabos, apañar leitugas dos lameiros, apañar unha boa, por saír sen paraugas, ripar unha pouca herba do palleiro, lavar a lá, carmeala, fiala, torcela, ir pedir permiso para queimar garamata, gardar as vacas, escoitar o conto do burro por enésima vez, procurar uns lareiros ben xeitosos para afumar os chourizos, amañar un lameiro todo fozado do xabarín, enrestrar as cebolas, cambiarlle o fío á desbrozadora, secar herbaluisa, e ourego, e albahaca, e xastreu, ir á feira, procurar liques para facer tinte, limpar a fonte para a festa do quince, ir a un enterro en Parada, mazar o leite, amasar o pan, prender a cociña, apañar nabizas para o caldo, esperar ás do saneamento, facer unha bica para a vendima, e unhas rosquillas para a matanza, carabuñar a gadaña, gardar semente deses tomates tan bós (millor na forza da lúa), desgrumar patacas (no debalo da lúa), xuntar a coella co macho, ir aos boletos, zurcir uns sacos rotos, cocer o pan e se cadra arrimarlle unha empanada, quecer o iogur ao sol, debullar chícharos, preparar unha pelica, amañar as estacas das cepas, apañar moras, catar os escarabellos das patacas, revolver a herba a mau, falar de cómo se facían os barquillos, xogar aos bolos, enxertar unha cerdeira, amañar un canastrelo, facer uns calcetíns, untar de graxa os apetrechos do burro, planchar, chamar ao 1004, facer un crucigrama, cortar as unllas, fregar a cociña económica ata que branquee, atender todos os requerimentos da Axencia Tributaria, prantar coias para o ano, mirar o correo electrónico, vender as noces, retirar a roupa que lles quedou pequena aos cativos, averiguar por qué non funciona o módem, fregar os catro pratos da cea, cortar o pelo, tomar un café, empastar unha moa, levar aos nenos ao parque, ir facer unha análise, baixar películas, apuntarse a un curso de piragüismo, ir á reunión da comunidade, botar a partida, formatear o disco duro, facer unha hora de natación, broncearse, ver a semifinal, coller un atasco, coller o pan, comprar froita, renovar o abono para o ano que ven, pasar por un caixeiro, organizar as vacacións, levar aos nenos a un cumpreanos, facer a compra do mes, mirar a roupa de temporada, mercar un agasallo, facer copia das chaves, depilarse, xuntar códigos de barras, contestar unha enquisa, facer cola no hipermercado, comprarse por fin o GPS (a primeiros de mes), ordear as películas, propoñerse escoitar toda a música que levamos baixada, tragarse unha hora de tele da peor, buscar billetes baratos en Internet, probar aínda que sexa un só de todos os iogures que van inventando, subirlle o baixo a un pantalón, preparar unha cea en dez minutos, dinamizar un foro en Internet, renovar o carnet de conducir, enmarcar unha foto, tapizar de novo os sofás, ir tirar o papel,comprar un cupón da ONCE (a finais de mes), xogar a rol, sacar unha copia do curriculum, recoller unhas fotos, sacar tempo para ler a diario o xornal, levar o coche a limpar, ir ver unha exposición, matricularse nun master on line, volver mirar o dos billetes, rendabilizar os aforros, cambiar o colchón, ir á cea do choio, mercar uns zapatos para unha voda, pasar pola biblioteca, probar a sauna, o Tai Chi, o ioga e os pilates, e decidirse por un libro-DVD que o resume todo, ir a unha cea nun tailandés, facer as compras de Nadal, vender lotería da Asociación, coser a toda présa uns disfraces de piratas, cambiarlle o aceite ao coche, copiar catro CDs de fotos e dez de películas, comprarse unhas botas boas para empezar dunha vez a facer sendeirismo, cada quen xoga ao que quere xogar.

sábado, 2 de abril de 2011

autobiografía grande

Encherse
colmar de nada o interior e a sombra
inventariar todos os ocos
para realizar a tarefa con perseverancia de asalariada.
Sementar a pel toda de ferraia e nabos
e non só a pel, tamén a cama e o cuarto e a cociña

conxurar os barbeitos da consciencia

Encherse de escuma sabendo o que é:
unha esperanza de asir
que se transforma en bágoas
encherse a boca de cuspe para tragar o que veña
redimir o pasado cos brazos abertos e actitude de espera
(unha soa rosa dos ventos sen itinerario de regreso).

Encherse oncolóxicamente
de posesións indispensables,
de obxectos que te miran desde a súa condición de flotadores,
tentáculos do eu como estrataxemas funerarias,
pequenos ou grandes suxeitos de adoración para quebrar
a soedade indisoluble que che delata,
pompa, bandeiras, plumas ocas.

Encherse de recitatorios inútiles contra a fame e o odio,
resolver ecuacións de múltiples incógnitas
que sempre fican indeterminadas e suxerentes
como o silencio dos nenos cando pensan.
Soportar a dúbida como unha tormenta,
recoller os anacos,
apañar as viandas,
resumir as arelas
encherse,
acopiar,
xestar,
expandirse
(un só trazo redondo, baleiro e inútil)
encherse invisiblemente,
ser un acio madurando ao sol silencioso e mutante
encherse ontolóxicamente
de dozura feita de interminables flores de carbono e hidróxeno,
biolóxicamente fiables e invisibles
zugar na cor dourada coma se zugáramos no sol de Setembro,
xestar intransitivo,
arredondarse como unha cebola que non sabe qué pel poñerse
cargarse de vida e luz,
apañar o que veña,
recoller airadamente o lixo que outros esparexeron
e cargalo ás costas como un botín,

encherse de soños invencibles como xigantes aéreos,
como lóstregos con olor a candea,
encherse de relativismo,
esa sabedoría que destila o tempo
e que pinga como un reloxio no alambique da memoria,
encherse de escuma, de dozura, de soños,
colmatar o desexo como un plenilunio
e xestar sabendo que xestar
e a única tarefa posible

autobiografía pequena

Anicarse.
Mirar en fite as unllas dos pés:
orladas de pó,
enmarcadas nunhas sandalias
queimadas polo sol,
amar súbitamente as nosas dedas
como quen descubre no faiado
unha vella xoia da familia,
na súa humildade de lixo e descoido.
Anicarse
para esquecer a perspectiva da altura,
o zoom involuntario
que diariamente outorga xerarquía ao noso espazo.
Anicarse,
descalzarse, observar
as víctimas do noso peso,
herba esmagada que arrodea os nosos pés,
a vida diminuta a ras do chan,
escoitar o balbordo de formigas carrexando,
as toupas alertándose da nosa presenza.

sentir aos nosos acompañantes
desmesuradamente innacesibles,
apresuradamente humáns e altos
e anicarse en silencio
para vernos o cú sen espello nin mística.

quarta-feira, 9 de fevereiro de 2011

fotografía aérea dunha alma

Escribín que a loucura
era un paradigma requintado da realidade.
E a continuación que a ideoloxía
era un tapiz minucioso e opaco para o mundo.

Despois debuxei unha liña caramelizada
para marcar as lindes
quente, líquida,
tanto que ao ir perfilala
quedóuseme pegada nos dedos
e o marco fíxose un borrancho
e o poema non puido
atopar o seu final.

sexta-feira, 28 de janeiro de 2011

Fotografía aérea dun formigueiro

Tipi-ti.
 unha fileira de formigas transita pacientemente
tipi-tipi-tipi
sabendo sen importarlle
que está sendo observada
 (Obxecto ideal que a ciencia procura)
 Tipi-tipi-tipi-tipi
 antenas que se saúdan
 tipi
 bandullos arrecendentes de feromona e instinto
 tipi tipi,
afán pecoreador ilimitado e único
 tipi, tipi, tipi.
 Para qué a felicidade
 Tipitipití
 Un formigueiro que atopa sempre
 un itinerario de consenso que se acaba na tarefa.
 Esta é un anaco de plátano
 ti
 que caeu dunha man de neno
 pi
 impensable botín que rápidamente algunha transmitiu
 tipi-tipi, tipi-tipi, tipi-tipi.
 Teleoloxía da necesidade,
 pura química para o fin inexacto de perdurar,
 tiiiiiiiiiiii.
 Non hai ego.



Un humán observador,
 cargado de ideas e lentes,
 intenta fotografar este momento
 tipitipi
 pero  alguén, non sabemos se el ou a máquina, está desenfocado
 (dii-bii)
e apresa unha liña apenas sinuosa,
 como unha vida,
 que sae da terra para procurar un anaco de plátano e volve satisfeita á terra,
siiiiiiiuuuuu-pum.
Velaí o obxecto transformado.
 Para qué, a distancia.

quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

Nocturno para tambores

Era de noite e sen embargo chovía
confundidos, non se vía
en que estrela perderamos o norte.
Era de noite e sen embargo
tiñamos fame de atopar un arrecendo amigo
tiñamos medo pueril dos lobos
tiñamos móbiles que apenas alumaban as tebras
Era de noite e sen embargo
o monte estaba cheo de ulidos, era de noite
e chovía como querendo mollarnos
chovía e sen embargo era de noite
e non se vía de ónde viña a auga
ou se sairía a lúa
era de noite pero sabiamos
que o monte estaba cheo de xente coma nós perdida,
era de noite pero sabiamos de xente abaixo na ponte grande,
era noite pecha e no monterroso e na fraga e na abeleda e na carosa
sabiamos que había xente.
Chovía e sen embargo buscabamos
era de noite e sen embargo tiñamos fame
buscabamos e sen embargo tiñamos medo
tiñamos fame e sen embargo sabiamos
era de noite e sen embargo tiñamos frío
buscabamos e sen embargo chovía
sabiamos e sen embargo estabamos perdidas
tiñamos frío e sen embargo eramos moitos
tiñamos medo e sen embargo camiñabamos

Preguntas sobre a propiedade intelectual

Poderiamos comprar unha ducia de churros en calquera feira ao prezo que os compramos se os churros estuveran patentados?
Poderiamos ter unha churreira na casa e facelos cando nos dea a gana, especialmente se chove?
Houberan pagado as ventas castellanas do século XV dereitos de autor a Cervantes por ler a súa novela cantas veces lles deu a gana para solaz da clientela?
Houbera chegado ata nós a primeira novela moderna se estuvera ao alcance só de quen puidera pagar o exemplar daquelas?
E se Avellaneda tuvera mellores contactos editoriais que o manco, mellor planta, mais labia ou o que fora, ou digamos houbese asinado coa Sony e non cunha compañía independente, a cousa se houbera resolto dunha maneira? Conseguiría unha lei Sinde do século XV evitar o morro do Avellaneda?
Tería o século de ouro da literatura en castellano chegado ao que chegou cunha SGAE polo medio evitando a toda costa que se difundan gratis as diversións?
É verosímil pensar no século XXI, incluso coa crise de por medio, que os artistas vaian morrer de fame porque nos descarguemos o que nos dea a gana?.
Cobrou Lope polo soneto de Violante? Díxolle a Violante, mira, escrébocho en calquera sitio pero é tanto? E se non cobrou, saiulle rendíbel? Fixo o pinzo Lope por escribir o soneto sen a presenza do seu avogado?
Houbera preferido Quevedo que ninguén repetise xamais o Érase un hombre a una nariz pegado, ou lle molaba escoitalo pola rúa en calquera sitio?
Precisamos unas industrias culturais que preescollan o que paga a pena ler, ver, escoitar?. E se é así, porqué non escoitamos os cuarenta e por qué as pelis que nos apetece ver nunca veñen ás salas espantosas dos centros comerciais?