Os meus pequenos textos feitos desde un territorio tan partillado que resiste ás topografías, como se non existira nos mapas, paisiño de minifundios que desaparecen coas escalas. Eses lugares refugallos que están porque se viven, porque os vivimos, e rexeitan as simples cartografías. Por iso prefero traducir a cuestión de to be or not to be como estar ou non estar. Por iso este sitio non ten mapa, porque non hai unha ruta senón momentos e deses momentos saen palabras.







domingo, 9 de agosto de 2015

Times, may be. Not us

Era Clint Eastwood con zocos de labrego. Era unha festa e os chancos tiñan a sola de madeira e o trasunto de Clint Eastwood con aires de Lee Van Cleef e alma de Billy the Kid empuñaba unha pistola de fulminantes agardando por unha banda de gaiteiros. Eran dous nenos nacidos no século XXI armando un espantallo con roupa vella, con madeira e palla, era Bob Dylan cantando times are changing, era Feijoo explicando aos gandeiros que a Reny Picot e a Lactalis e a Nestlé, era Pat Garret explicándolle a Billy the Kid que os tempos están mudando, era o crepúsculo e había unha festa na que por primeira vez tiñamos máis frío que calor, eran unhas zocas de labrego pisando sen peso de corpo, con ilusión de palla, na herba seca de Agosto, eran os tractores nas rúas mentres os petardos na festa emulaban os tiros de Clint Eastwood con banda sonora de Enio Morricone detrás das gaitas e era unha aldea, e era resistencia.