Os meus pequenos textos feitos desde un territorio tan partillado que resiste ás topografías, como se non existira nos mapas, paisiño de minifundios que desaparecen coas escalas. Eses lugares refugallos que están porque se viven, porque os vivimos, e rexeitan as simples cartografías. Por iso prefero traducir a cuestión de to be or not to be como estar ou non estar. Por iso este sitio non ten mapa, porque non hai unha ruta senón momentos e deses momentos saen palabras.







domingo, 14 de julho de 2013

ESTRAPERLO DO PARAÍSO



ESTRAPERLO DO PARAÍSO

   Están os vendedores do paraíso agochados en todas as ribeiras
   como se puidesen agarrarse a cada pola que pasa para vender unha promesa
   Apenas saben do mundo, senón das eivas
   Saben de todas as debilidades e todos os medos
   e ofrecen drogas infinitesimais para vencer a podredume
   Non queren ver nos transeúntes almas senón petos
   non osan pedir máis que aquelo que semella que nos sobra
   e así, como inmisericordes chatarreiros
   reflotan as penas a cambio de espirnos de nós mesmos.
  
   O estraperlo só funciona cando hai moita necesidade,
   cando de súpeto non podemos vivir a vida aliñada só con aceite e sal
   senón que precisamos sofisticados adubíos para ila levando
   Eles son vendedores de especias, encantadores de serpes, tahúres, timadores
   expertos que ven os ollares que non saben mirar

   Eles prosperan da nosa condición de humanos débiles
   de humanas ínfimas persoas que queren amar e ser amadas.
   Eles recollen a escoria para vendela como ouro e reparten
   soños edulcorados con malas artes
  
   Eles ofrecen rosas e dan espiñas
   para os narices pequenos que non queren perderse no xardín.
   Eles trafican co medo e viven dos anceios
   do común das formigas cando esquecen
   e queren deixar de ser formigas
  
              
   Eles están en todas partes, en todas as pantallas, en todas as estradas.
   Son a cara das múltiples mentiras que pretenden vencer
   o tamaño cósmico de calquera terrícola.
   Eles teñen sempre a chave da porta
   que unha vez aberta deixa ver un corredor
   no que se ve ao fondo outra porta
   e outro estraperlista que sorrí
  
   Eles sempre teñen altanería para a nosa simpleza
   e argumentos contra a nosa felicidade de andar pola casa
   (rascando o sobaco e rindo dos contos de sempre)
   xa sabes, ese tipo de felicidade que ao contala
   parece sempre pouco interesante.

   Eles están organizados en gremios
   e os gremios en sectores e cadeas
   e mesmo xa se sabe que hai transnacionais
   moi interesadas no asunto.
   Así que teñen ao público edénico
   convenientemente segmentado e ofrecen sempre
   aquilo que o cliente necesita.
  
   Dentro, pódese prescindir da merda propia
   (que por certo é igual para todo o mundo)
   e vivir como momias evisceradas
   recheas das arelas propias de cada quén
   As momias xa non feden.
   Ulen todas igualiño
   segundo o perfume escollido,
   e xúntanse polo ulido ese
   e fan pandilla.
  
   Eles colócanse sempre ás portas do paraíso
   en parte para ocultalo e en parte
   porque identificalos como os seus porteiros
   é unha das súas estratexias de márketing
   e só recúan ante o embaixador da terra de ninguén,
   un tío feo que vai de incógnito,
   que non se queixa nunca de nada
   e parece ser que entra e sae cando lle peta.

Sem comentários:

Enviar um comentário