Os meus pequenos textos feitos desde un territorio tan partillado que resiste ás topografías, como se non existira nos mapas, paisiño de minifundios que desaparecen coas escalas. Eses lugares refugallos que están porque se viven, porque os vivimos, e rexeitan as simples cartografías. Por iso prefero traducir a cuestión de to be or not to be como estar ou non estar. Por iso este sitio non ten mapa, porque non hai unha ruta senón momentos e deses momentos saen palabras.







domingo, 16 de janeiro de 2011

As escamas do mundo


               “O mundo ten escamas, pero nos mapas non saen”
                                                                          Camilo López Martínez (2008)

Quizais o mundo ten escamas para protexerse
da nosa curiosidade, meu fillo.
Cómo explicarte ata qué ponto
a nosa curiosidade é tan insana
que para describir a vida precisamos
descamala ata quitarlle todos os seus brillos,
toda esa arquitectura de equidistancias
e proporcións minuciosas.

Por iso inventamos os mapas. Quizais
tamén por iso enchemos os atlas infantís
de cores, igual que edulcoramos
as vosas drogas de farmacia
con químicas de fresa e de vainilla.
A nosa ciencia é tan sórdida
que vola temos que mostrar así.

Para que non collades medo,
para deixar un pouco de curiosidade intacta,
para protexervos da nosa miseria
de datos e certezas que non debuxan nada relevante
pero quedan fermosos nas vosas aulas
de aprendices de sabios que miran onde non é.

Pero quizais vós non precisedes das nosas topografías
e podades de novo, algún día,
esculcar as estrelas.

Sem comentários:

Enviar um comentário